Friday 29 de March de 2024

O Concello cobrará ás empresas de telefonía móbil pola ocupación do solo público


O Goberno municipal acorda coa Marea Atlántica a creación da nova ordenanza, dentro da liña de xustiza fiscal defendida por Inés Rey

José Manuel Lage estima que a nova taxa permitirá ingresar 1,5 millóns de euros anuais para a mellora dos servizos públicos

As empresas de telefonía móbil que operan no termo municipal da Coruña terán que aboar unha taxa pola ocupación do solo público coas súas instalacións. O Concello regula a través das súas ordenanzas a
ocupación do solo público por parte de empresas privadas, mais até agora as compañías de telefonía móbil estaban exentas ao non existir un regulamento propio.

Dentro das medidad progresistas de xustiza fiscal promovidas pola alcaldesa, Inés Rey, figura a creación da nova ordenanza, que nos vindeiros días someterase a un período de exposición pública de 20 días e que entrará en vigor no 2022.

A nova ordenanza é froito do proceso de diálogo aberto coa Marea Atlántica, grupo co que se están a estudar novas medidas de xustiza tributaria a aplicar o ano que vén, indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

As compañías pagarán unha taxa básica de 16,63 euros por metro cadrado de espazo público ocupado, cunha fórmula que ten tamén en conta o número de liñas de cada compañía e outras variables técnicas. En total, indicou Lage Tuñas, os servizos tributarios do Concello estiman que os ingresos anuais pola nova ordenanza achegaranse aos 1,5 millóns de euros.

“O Goberno de Inés Rey traballa nunha redistribución máis xusta da carga fiscal – explicou Lage Tuñas- equiparando ás empresas de telefonía móbil co resto de compañías que xa pagan polo uso do solo público”.

A taxa, que tamén se aplica noutras grandes cidades, permitirá aumentar os ingresos municipais para ofrecer máis e mellores servizos públicos. A nova ordenanza súmase á listaxe de melloras levadas a cabo por Inés Rey desde a súa chegada ao Goberno, melloras que supuxeron unha minoración da taxa de
plusvalías para as rendas máis baixas e exencións e reducións por lixo, auga e saneamento a causa da pandemia, entre outras medidas de xustiza fiscal.